«Pallasos en Rebeldía» e as súas risas contra muros.
Do 14 ao 21 de setembro, Pallasos en Rebeldía visitará territorios ocupados en Palestina e realizará actividades artísticas pola promoción da risa e a cultura.
Para a poboación palestina sufrir a ocupación e o conflito é parte do día a día. Nunha realidade como esta conseguir unha risa vólvese case un traballo. Conscientes diso e co fin de facilitar esa tarefa, Pallasos en Rebeldía regresa a Palestina, outro ano máis, para encher rúas, escolas e campamentos de refuxiados con clown, circo e música.
As actividades terán lugar en Nablus, Xerusalén, Belén e Hebrón -organizadas por Pallasos en Rebeldía e financiadas polo Concello de Rivas, Bóla 9 Management e Grimey Wear-. Tamén contan con numerosos colaboradores: Human Supporters, Lajee Center, Alrowwad Cultural and Arts Society, Abnaa Ao- quds Club, Jerusalem Development Fund, The Freedom Theater e Culturactiva S. Coop. Galega.
O Festiclown leva a Palestina unha troup de artistas de diversas temáticas: as compañías Academia de parvos, Circo no ato, Kanbahiota, Pablo Superstar Cool, os músicos Os chikos do millo, a ilustradora Iris Serrano e Iván Prado, clown e fundador de Pallasos en Rebeldía.
O Festiclown que comezou sendo un soño de Iván Prado no ano 1999 materializouse nun Festival Internacional de Clown que 20 anos despois acabou sendo referente internacional do circo comprometido. Hoxe é o único festival de clown que leva a risa, a rebeldía e a esperanza a distintos puntos do globo, un festival vivo e nómade que está onde o necesiten.
A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedad internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e das artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países sobre a base de que a alegría e a risa deben ser transformadoras. Fundouse no ano 2004 amparada polo FESTICLOWN (Festival Internacional de Clown) e mantense activo grazas ao traballo de Culturactiva S. Coop. Galega, entidade profesional galega dedicada á xestión cultural socialmente comprometida.
Pallasos en Rebeldía fixo de Palestina un punto de encontro habitual do Festiclown, creando un espazo de ilusión e alegría. O colectivo é un dos máximos expoñentes actuais do circo social, político e solidario. As accións que leva a cabo Pallasos en Rebeldía combinan a participación en festivais de prestixio a nivel mundial coa organización de grandes eventos internacionais como festivais, foros, xornadas de encontro e debate, talleres ou galas, así como a realización de proxectos de solidariedade en zonas de conflito de diferentes partes do mundo.
Nos últimos anos os seus proxectos supuxeron un revulsivo sen precedentes para territorios en conflito: as Favelas de Brasil, os Campamentos de refuxiados no Sahara, as Comunidades Indíxenas en Chiapas, os Campos de refuxiados de Palestina… Levando a risa aos lugares nos que máis se necesita.