MANIFESTO EN FAVOR DA LIBERDADE DE MOVEMENTO
#WelcomeRefugees
-
Desde Pallasos en Rebeldía facemos un chamamento a toda a Humanidade para entre todas e todos poñer fin aos muros e aramados que Europa continúa levantando ante a desesperación de millóns de persoas.
-
Alzamos a voz en favor do carácter lexítimo do nomadismo e das migracións humanas, Dereitos Fundamentais como forma de supervivencia dos seres humanos e presentes desde os albores da Humanidade.
-
Rebelámonos publicamente ante as racistas políticas migratorias da Unión Europea e ante as abusivas e discriminatorias políticas macro-económicas que xeran guerras, fame e xenocidio económico-social en favor do capitalismo e en contra do Sur do noso Planeta.
-
Así mesmo, opoñémonos rotundamente á adhesión de Turquía á UE por constituír un intercambio de intereses político-económicos entre ambas as partes; unha inquietante e descarada mostra do desinterese por parte da UE de construír un escenario democrático e plural ao pretender converter aos refuxiados nunha moeda de cambio cun país que atenta contra os DDHH, bombardea poboacións minoritarias e no que non hai liberdade sexual e relixiosa reais.
-
Denunciamos tamén a vulneración dos DDHH por parte da Policía de Macedonia, e as mafias de persoas que se están alimentando co bloqueo das fronteiras europeas.
-
Neste punto, queremos poñer de manifesto a responsabilidade directa da UE nesta crise, a quen acuso de xerar esta situación de desequilibrio territorial ao antepoñer os seus intereses económicos á igualdade social e favorecer e servir ás compañías transnacionais e mercados internacionais.
-
Por último, queremos apelar á empatía e á Humanidade de todas as sociedades e colectivos, para que nos unamos máis aló das nosas orixes, culturas e cores e apoiemos a lexítima necesidade de mobilidade dos refuxiados que foxen de conflitos bélicos e miserias que o capitalismo provocou, en procura de esperanza e un futuro mellor para as súas familias.