PALLASOS EN REBELDÍA CELEBRA ESTE VENRES UNHA XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN SOBRE AS REFUXIADAS EN LUGO
O Pazo de San Marcos acollerá obradoiros infantís, charlas-debate, unha exposición fotográfica e as actuacións dunha Gala Solidaria
Na Xornada daranse cita activistas pro-refuxiadas e artistas do país, con especial representación lucense, e tamén do ámbito internacional como o humorista Leo Bassi
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016. Esta mañá o colectivo solidario-artístico internacional Pallasos en Rebeldía xunto coa Área de Cultura da Deputación de Lugo presentaron na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo a “Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas” que celebrará o venres en Lugo. A Sala de Exposicións do edificio da Deputación de Lugo, sita no Pazo de San Marcos da capital lucense, será o lugar no que se desenvolverán as actividades, de libre acceso ata completar o aforo, “orientadas a que a cidadanía tome unha maior conciencia da crise humanitaria, política e territorial da que todos e todas formamos parte e que están a sufrir millóns de persoas refuxiadas nas fronteiras europeas”, tal e como sinalou na rolda de prensa Fran Rei, membro de Pallasos en Rebeldía. A Xornada reunirá activistas pro-refuxiadas e artistas galegos e internacionais enraizados a nosa terra e cultura nunha “mostra de diversas disciplinas artísticas e de multiculturalidade e convivencia de culturas”, como destacou na presentación Xosé Ferreiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo.
O venres Pallasos en Rebeldía estreará na Xornada a exposición fotográfica “Risas contra Muros” que recolle o seu labor de apoio ás familias de refuxiadas do campamento de Idomeni, na fronteira heleno-macedonia, desenvolvido do 8 ao 10 de marzo. Exporanse unha escolma dunha ducia de fotografías do fotógrafo Carlos Cazurro, colaborador asiduo do colectivo solidario, “para seguir coa denuncia das políticas migratorias da UE, inhumnas e ilegais”, tal e como explicou o artista galego Rei esta mañá.
A Xornada dará comezo ás 18.00 horas con actividades para nenos e nenas. A primeira delas será a actuación do artista belga-galego Rudi Dudi co seu espectáculo de música e malabares “Rastafarudi”. Ás 19.00 horas o escritor lucense Anxo Moure recitará os seus “Contos Solidarios” e ás 19.30 horas a agrupación senegal-galega Mbolo Mooye Doolè (-a ritmo de corazón, en senegalés-) brindará aos máis cativos un obradoiro de percusión, danza e música africanas baseado en habilidades sociais coma a empatía e a tolerancia.
O acceso do público ao Pazo de San Marcos estará dinamizado pola compañia Lucecus Teatro que realizará unha performance na entrada simulando un Check Point da man de autoridades policiais fronterizas. Ás 20.00 horas celebrarase un espazo para o debate tralas charlas da Paula Fernández Branco, doutoranda da USC e membro de BDS Galiza, e a lucense Pilar González, activista pro-refuxiadas.
O colofón final da Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas será a Gala Solidaria polas refuxiadas, que será presentada polo lucense, Lois Pérez, poeta e dramaturgo, a partir das 21.30 horas. A Gala contará coas actuacións do activista italiano Leo Bassi, colaborador habitual de Pallasos en Rebeldía; a humorista galega Isabel Risco; a compañía galego-arxentina de maxia e clown Cía. MundoMandarina; Zercalo (banda conformada polo acordeonista e cantante bielorruso Vadim Yukhnevich, e o lucense Totó Barreiro, á guitarra española); e ao remate, Alou Tama, unha agrupación musical senegal-galega de voz e percusión.
Sobre Pallasos en Rebeldía
Este colectivo artístico-solidario acolle a un grande número de artistas internacionais comprometidos coas artes e a risa como medios dinamizadores de procesos en países en conflictos e cos colectivos que están a sufrir inxusticias por parte das autoridades gubernamentais como é son o caso das comunidades indíxenas ou as persoas refuxiadas, do pobo palestino ou nesta crise humanitaria nas fronteiras europeas.
Nos últimos meses Pallasos en Rebeldía organizou dúas caravanas de pallasos “Risas contra Muros” aos campamentos de refuxiadas de Idomeni (na fronteira de Grecia con Macedonia do 8 ao 10 marzo) e aos campos de Calais e Dunkirque (ao norte Francia, na fronteira con Reino Unido, do 1 ao 3 abril). Nestes lugares o colectivo, realizou actuacións de circo, maxia e clown para tratar de sacar sorrisos ás familias de refuxiadas e, asemade, fixo performances artísticas reivindicativas frente ás vallas alambradas. Nestes dous meses recaudáronse un total de 5.500 euros que foron destinados a organizacións sociais alternativas que operan nestes campamentos; 4.500 euros a Refugee Care que segue a traballar en Idomeni e 1.000 euros a Help Refugees, ONG que continúa na “Jungla” de Calais.
Na actualidade, Pallasos en Rebeldía está a organizar a terceira caravana de pallasos para continuar coa súa campaña de denuncia das políticas migratorias da UE para o que segue a recibir doacións de entidades e particulares no seguinte número de conta habilitado para á causa das refuxiadas: ES13 2100 4333 1502 0005 4202.