O Festival Pola paz e contra as guerras celébrase na Coruña este xoves
Este xoves celébrase o Festival Pola paz e contra as guerras, con artistas como Leti da Taberna, Desastronauts, Dani Blanco e Mondra, presentados por Fran Rei e coa participación de Iván Prado.
Nesta gala o humor e as artes escénicas póñense ao servizo da solidariedade e serán un recordatorio de que os conflitos están aí, á nosa beira, poñendo en risco a nosa propia condición de humanidade. Cada gala de Pallasos en Rebeldía é un evento cultural cargado de arte, conciencia e loita e este Festival pola az e contra as guerras ofrecerá música, circo, humor e moita reivindicación. Un acto de transformación para concienciar da realidade de países como Palestina e o Sáhara a través do circo e do humor, mais non só deses países, senón de todos os que cada día viven a guerra.
Celebrarase o xoves, 3 de outubro, ás 20.15 horas no centro Ágora da Coruña. O acceso é libre e de balde. Un festival solidario coordinado por Pallasos en Rebeldía, promovido pola Asociación Agra de Orzán, e financiado polo Concello da Coruña.