Vía Morta representarase en Teo e Ordes
Vía Morta representarase en Teo e Ordes a vindeira semana cun dobre pase o día 4 de decembro no IES de Cacheiras de Teo e o día 5 no IES de Ordes . O proxecto teatral Via Morta está baseado na experiencia directa de Pallasos en Rebeldía en campos de refuxiados en Grecia e Palestina. Cunha proposta inmersiva, en Vía Morta non hai escenario nin sala de butacas: o teatro enteiro convértese nun campamento e o público asistente forma parte del.
Con esta proposta de Pallasos en Rebeldía e Culturactiva achégase aos espectadores á dura realidade na que viven millóns de persoas en Europa, que ven vulnerados os seus dereitos máis básicos, así como a hipocrisía da política comunitaria, que incumpre toda a lexislación internacional na materia.
Con texto de Carlos Olalla, dirección de Eva Egido e un elenco formado polos lugueses Iván Prado e Fran Rei, xunto con Anabell Gago e Rocío Salgado, esta obra está inspirada na experiencia da caravana de Pallasos en Rebeldía a Idomeni, na que o propio Iván Prado participou.
Vía Morta é unha oportunidade para non deixar caer no esquecemento o drama das persoas refuxiadas ás que a Unión Europea lles pechas as portas, introducíndonos na súa realidade a través da arte. Un espectáculo único en Galicia, que non deixará indiferente ao público.
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.