A Coruña solidarízase con Palestina na gala ‘Cultura contra a barbarie’ o próximo 13 de marzo
A Coruña acollerá o 13 de marzo, a partir das 20.30 horas, unha gala solidaria en favor do pobo palestino no Teatro Rosalía de Castro. Esta é a novena gala que Pallasos en Rebeldía, xunto con Culturactiva, organizan en todo o Estado, para recadar fondos que irán directamente á Franxa de Gaza.
Este evento solidario reunirá unha decena de artistas do ámbito da música e as artes escénicas. As Fillas de Cassandra compartirán escenario coas propostas escénicas de Touriñán, Dani García, Sahar Shatat e Iván Prado, xunto cos artistas coruñeses Sue Moreno, Alfredo Muíño e Xurxo Fernandes. Presentada pola actriz Isabel Risco, esta gala será unha oportunidade para reivindicar os dereitos do pobo palestino a través da cultura e a arte.
As entradas teñen un prezo de 10 euros e xa están dispoñibles en ataquilla.com. Todo o recadado irá destinado a Gaza Stars Circus School, unha entidade local coa que colabora Pallasos en Rebeldía, e que traballa directamente con nenos e nenas, proporcionándolles bens básicos como alimentos, medicinas e roupa.
‘Cultura contra a barbarie’ é un evento organizado por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva, coa colaboración do Concello da Coruña, Galiza por Palestina e BDS Galiza.