A segunda edición de Festiclown Pela Terra volve a unir a Pallasos en Rebeldía e a Txarango
O Festiclown Pela Terra, último Festiclown do 2018, encherá de circo e música comunidades indíxenas, campamentos e asentamentos de poboacións brasileiras que están a loitar polo dereito á terra e pola defensa da cultura. Durante un mes, do 1 ao 30 de novembro, o Festiclown Pela Terra visitará diferentes puntos do sur do país latinoamericano porque “sen pobos orixinarios non hai futuro para a humanidade, e sen terras non hai futuro para os pobos orixinarios”.
O Festiclown Pela Terra pide a demarcacion de terras indigenas e quilombolas e a reforma agraria en Brasil. En palabras de Pallasos en Rebeldía, “Repartir esperanza e alegría levando unha mensaxe de solidariedade e compromiso a todas as persoas de Brasil que dedican a súa vida para crear un mundo no que caiban todos os mundos, mantendo así a tradición milenaria de rebeldía como pallasos e artistas de circo social”.
Txarango, que se despedía temporalmente dos escenarios o pasado setembro, volverá actuar de forma solidaria para apoiar coa súa música a comunidades indíxenas e favelas, acompañados por Pallasos en Rebeldía e as compañías brasileiras Traço Cía de Teatro e Circo non Ato, que exercerán de anfitrións para este Festiclown Pela Terra 2018.
Pallasos en Rebeldía é un dos máximos expoñentes actuais do circo social, político e solidario. As accións que leva a cabo combinan a participación en festivais de prestixio a nivel mundial coa organización de grandes eventos internacionais como festivais, foros, xornadas de encontro e debate, talleres ou galas, así como a realización de proxectos de solidariedade en zonas de conflito de diferentes partes do mundo.
#elenao, #fascismonucamais #festiclown2018 #festiclownPelaTerra #Festiclown