No Val do Xordán.
No Val do Xordán miles de familias palestinas resisten á ocupación militar israelí coa determinación dos campesiños, que rabuñan á terra cada pinga de auga, cada oliva da árbore, cada día de vida.
Resisten, loitan e soñan con ese día prometido no que non haxa tanques esperando fronte ás súas casas, nin fronteiras nas portas do seu pobo, nin militares rebentando os seus humildes sistemas de rega.
Pero mentres resisten e soñan tamén constrúen unha e outra vez as casas derruidas, reparan os canos rebentados , reviven as utopías sepultas.
No norte do Valle recíbennos nun pobo que levanta con barro casas redondas onde atoparse cos internacionais e poder compartir o seu día a día. Converten a escola infantil nunha carpa de circo improvisada que nos permite pasar unha tarde de risas e sorpresas, de arte e solidariedade, coas familias locais… algo fai que me acorde do Chiapas do 95 e da Palestina do 2003, dalgunha maneira volvo aos inicios de Pallasos en Rebeldía e creo que a porta de entrada foron os ollos e o sorriso desa nena.
Desde que chegamos esa nena lanzouse aos nosos brazos cun sorriso que iluminaba o patio do colexio máis que lle sol do mediodía que nos recibiu. A súa curiosidade e ganas de xogar facían que me esquecese de preparar o show. Algo da súa maxia íaseme enganchando na pel. Cando acabamos os tartazos foi a primeira dunha ducia de críos que querían subirse nos meus ombreiros, pero cando quedou instalaba para sempre na miña colección de miradas refuxiadas, foi cando, cheo de nata, achegouse para poñer o seu nariz contra a miña. Un clásico que me persegue desde o segundo festiclown palestina e que fai que todos os esforzos e nervios que pasamos vallan a pena.
É unha atracción que comeza moi lentamente, baleiro do todo miro aos nenos e ás nenas e de súpeto un par de ollos me imantan, e sen saber como, enseguida están os nosos narices pegados. A sensación é de que se para o tempo e queda inmóbil ao noso ao redor, como se puidésemos entrar o un na alma do outro.
Iván Prado.
Yenin, 16 de setembro.