Éxito da expo e subasta de #ArteEnRebeldía
A exposición e venda solidaria #ArteEnRebeldía chega ao seu fin, e estamos moi emocionadas coa acollida que tivo. Durante unha semana, as nosas redes sociais e a nosa web convertéronse nun museo virtual de pezas de LEO SERRANO e textos de IVÁN PRADO. A poxa solidaria que organizamos o sábado 9 no noso Facebook foi o broche final perfecto para esta experiencia solidaria e nova para nós.
Vendéronse 18 das 19 pezas dispoñibles. Iso significa significa que conseguimos recadar 4.475 euros, dos cales 2.500 vanse para proxectos sociais, 1.500 para o autor, Leo Serrano, e 475 para gastos de envío e embalaxe para que as obras cheguen sas e salvas ás súas novas casas.
As pezas vanse a Madrid, Compostela, Valencia, Calella, Xirivella, Lliria, Gandía, Manresa, O Prat… E tamén viaxarán en forma de teatro e circo para Palestina e o Sahara, para as comunidades indíxenas de Brasil, para as manifestacións de a PAH Valencia e as campañas de Stop Mare Mortum.
Éxito da poxa solidaria en liña
Que alegría poder anunciar que as catro pezas da poxa en liña, que eran tan especiais para nós, vendéronse. O 100 % dos beneficios desta poxa solidaria ían para catro proxectos sociais, e tras pechar a poxa podemos anunciar que:
– 320 € irán destinados a Stop Mare Mortum pola venda de «Non son números», que foi comprada por Óscar Rando do Prat.
– A PAH Valencia recibirá 260 € para seguir loitando por un mundo onde non haxa xente sen casas, nin casas sen xente, grazas ás nosas compañeiras de Culturactiva S. Coop. Galega , que moi pronto acollerán a peza «O Silencio de Todos».
– A aventura de facer un festival de teatro no Sahara refuxiado co FITYC Festival Internacional dos Campamentos Refuxiados Saharauís está máis preto grazas aos 310€ que poxaron desde Vigo pola obra de «O soño», e o noso soño é un Sahara libre.
– A escola de circo Rebel Circus School no Aida Refugee Camp en Palestina terá 225 € para comprar equipamento deportivo para as 15 nenas que forman parte desta utopía que levantamos xunto a Lajee Center.
Así que só podemos dicir GRAZAS. Grazas a todas por facelo posible. Esperamos seguir facendo campañas así, que expandan arte, beleza, solidariedade e alegría polo mundo e polas redes sociais.