A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras.
Pallasos en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que fan fronte a este sistema global de terror desde a maxia do Circo; e que apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta desde o universo do Clown.
A risa como ferramenta para a liberación dos pobos oprimidos
O colectivo artístico-solidario internacional apoia a loita pola supervivencia dos pobos orixinarios nun mundo globalizado: acompaña ao pobo saharauí no seu retorno a un Sahara libre e independente; defende o fin da ocupación sionista en Palestina subscribindo os principios do BDS; e forma parte do movemento de solidariedade coa revolución zapatista en México e a Zezta Internazional.
Fundouse no ano 2004 baixo o amparo do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia) e mantense activo grazas ao traballo de Culturactiva, SCG, entidade profesional galega decana na xestión cultural socialmente comprometida.
