Manifesto en favor da Liberdade de Movemento

#WelcomeRefugees

  • Desde Pallasos en Rebeldía facemos un chamamento a toda a Humanidade para entre todas e todos poñer fin aos muros e aramados que Europa continúa levantando ante a desesperación de millóns de persoas.

  • Alzamos a voz en favor do carácter lexítimo do  nomadismo e das migracións humanas,  Dereitos Fundamentais como forma de supervivencia dos seres humanos e presentes desde os albores da Humanidade.

  • Rebelámonos publicamente ante as racistas políticas migratorias da Unión Europea e ante as abusivas e discriminatorias políticas macro-económicas que xeran guerras, fame e xenocidio económico-social en favor do capitalismo e en contra do Sur do noso Planeta.

  • Así mesmo, opoñémonos rotundamente á adhesión de Turquía á UE por constituír un intercambio de intereses político-económicos entre ambas as partes; unha inquietante e descarada mostra do desinterese por parte da UE de construír un escenario democrático e plural ao pretender converter aos refuxiados nunha moeda de cambio cun país que atenta contra os  DDHH, bombardea poboacións minoritarias e no que non hai liberdade sexual e relixiosa reais.

  • Denunciamos tamén a vulneración dos  DDHH por parte da Policía de Macedonia, e as mafias de persoas que se están alimentando co bloqueo das fronteiras europeas.

  • Neste punto, queremos poñer de manifesto a responsabilidade directa da UE nesta crise, a quen  acuso de xerar esta situación de desequilibrio territorial ao antepoñer os seus intereses económicos á igualdade social e favorecer e servir ás compañías transnacionais e mercados internacionais.

  • Por último, queremos apelar á empatía e á Humanidade de todas as sociedades e colectivos, para que nos unamos máis aló das nosas orixes, culturas e cores e apoiemos a lexítima necesidade de mobilidade dos refuxiados que foxen de conflitos bélicos e miserias que o capitalismo provocou, en procura de esperanza e un futuro mellor para as súas familias.

Campamento de refuxiadas de  Idomeni (Grecia), 6 de marzo de 2016.