Gala polo dereito a migrar en La Laguna

O vindeiro xoves 13 de maio  Pallasos en Rebeldía organiza na Lagoa “Canarias non é un cárcere”, unha gala solidaria polo libre tránsito e o dereito a  migrar. O acto, que presentarán Iván Prado e Carlos Pedrós, contará coa presenza de  Kakó, Carafio, Comedia De Xastre,  Abubukaka, Ida  Susal e Material de Contrabando. A música e o circo convértense así unha vez máis nun altofalante e nunha ferramenta para loitar polos Dereitos Humanos.

Esta gala ten como obxectivo apoiar a todas as persoas  migrantes que desde hai meses  malviven no campamento tinerfeño das Raíces e reivindicar o dereito de todos os seres humanos a desprazarse e  migrar en busca dunhas condicións de vida mellores. É necesario e urxente que se melloren as condicións de acollida e que se permita a estas persoas seguir o seu tránsito cara á Península e Europa. “Canarias non é un cárcere, non nos cansaremos de repetilo”, insisten desde  Pallasos en Rebeldía, organizadora do evento que conta co apoio da Universidade da Lagoa e  TomaTicket.

O director da asociación  Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, estivo esta semana co artista Mordo no campamento das Raíces para mostrar o seu apoio aos/ as  migrantes e denunciar a situación na que se atopan actualmente #ante a  inacción das institucións. Hai un mes xa acudira acompañado doutros humoristas como Pepe  Viyuela, Darío López ou Carlos Pedrós.